domingo, 11 de enero de 2009

Manifestación en apoyo al pueblo palestino- sábado 10 de diciembre Vigo, Galicia, España.

domingo, 11 de enero de 2009
A continuación el manifiesto tal cual fue leído en la manifestación, en lengua gallega.

MANIFESTO DE APOIO AO POBO PALESTINO

"A morte de calquera persoa diminúeme, porque eu formo parte da humanidade; por tanto nunca mandes a ninguén a preguntar por quén
dobran as campás: dobran por ti."

Estas verbas do poeta inglés John Donne, exemplifican á perfección o sentir da inmensa maioría do pobo galego fronte ao masacre que está a ter lugar no territorio palestino da Faixa de Gaza. Hoxe, todas e todos somos palestinos.

Como era previsíbel o estado de Israel deu lamentabelmente unha volta de torca ao masacre que está a emprender contra o pobo palestino, ao proceder a unha invasión terrestre que foi precedida dun bombardeo masivo que custou a vida de centos de inocentes, así como a destrución de infraestrutura civil en Gaza. Todo tras moitos meses dun asedio que impediu sistematicamente a entrada de subministros esenciais para a poboación civil.

O balanzo de vítimas da agresión israelí polo momento é de 630 mortos, e máis de 3000 feridos, moitos deles mulleres e nenos. Estas terríbeis cifras son o resultado da acción criminal do estado de Israel, que non dubida mesmo en atacar escolas de titularidade da ONU, como aconteceu recentemente.

Hai que sumar ademais os case cinco milleiros de vidas segadas dende a segunda intifada, así como os tremendos efectos que accións como o bloqueo de fronteiras, a ocupación de territorios, e o muro da vergoña en Cisxordania, provocan no conxunto de Palestina.

Este actos, de deliberado ataque contra a poboación civil, representan crimes de guerra segundo o establecido nas sucesivas Convencións de Xenebra. Estamos pois, perante unha acción non só desproporcionada no militar, senón completamente ilexítima e contraria ao ordenamento internacional.

Lamentamos a incapacidade manifesta demostrada polas Nacións Unidas para dar unha resposta enérxica a esta situación. Pola teimosía dos EUA en xustificar ao seu aliado e a posición ambigua da UE, non foi quen nin tan sequera de emitir unha declaración de condena deste masacre. Exisimos, en consecuencia, que o estado español, no marco da Convención de Xenebra, da que é estado membro, proceda a solicitar a condea internacional e inicie as actuacións oportunas fronte aos citados crimes

Este feito vergoñento é un síntoma máis, que evidencia a necesidade urxente de reformar a ONU, para a converter nun verdadeiro actor operativo e solvente na arbitraxe internacional e garante da paz.

As accións do estado de Israel teñen por único obxectivo o sometemento pola vía da violencia do pobo palestino. Esta dramática ofensiva militar tan só pretende esmagar a vontade de resistencia de Palestina, fronte unha ocupación que vulnera numerosas resolucións das Nacións Unidas.

A sociedade viguesa, e o conxunto do pobo galego, reafirmámonos na profunda solidariedade co pobo palestino e no noso desexo de paz no mundo, que tantas veces e tan claramente temos expresado.

Apelamos á paz, sabendo que esta só será sólida e duradeira se está construída dende a base da xustiza. Xustiza que significa o cumprimento das resolucións internacionais a respecto da creación dun estado palestino libre, soberano e independente.

Reclamamos tamén da Unión Europea a ruptura de relacións diplomáticas e económicas co estado de Israel, mentres manteña o seu arrepiante empeño en ser unha ameaza para a seguridade e a paz no mundo.

Instamos por último a unha acción internacional decidida para frear esta agresión unilateral e inxustificada contra Palestina, mesmo co envío de observadores e forzas de interposición baixo mandato das Nacións Unidas.

Hoxe a cidadanía viguesa mobilizámonos para xuntar a nosa voz ao clamor internacional que esixe o cese da invasión terrestre e dos bombardeos na faixa de Gaza, o remate de toda hostilidade contra o pobo palestino e a fin da ocupación israelí.
Pola paz, por xustiza: deteñamos o exterminio do pobo palestino.


Fuetnte: www.todovigo.blogspot.com
Para ver más fotos, pulse aquí.

Comentarios

0 comentarios:

 
Judíos Anti Sionistas en España. Design by Pocket